Os construtores coruñeses piden á Xunta un esforzo en formación especializada

Os construtores coruñeses piden á Xunta un esforzo en formación especializada

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Provincia da Coruña (Apecco), Diego Vázquez Reino, mantivo onte unha reunión coa conselleira de Traballo, Beatriz Mato, á que lle reclamou un apoio especial para as pemes e para os traballadores “dun sector altamente cualificado e que é clave para o desenvolvemento efectivo da economía do país”.

Os construtores coruñeses transmitíronlle á Xunta a necesidade de establecer canles permanentes de colaboración e unir forzas en materia de creación de emprego, prevención de riscos e formación laboral que supoñan o establecemento dun marco estable para un sector empresarial cada vez máis especializado, como é o construtivo, que aglutina a un total de 30.000 empregos directos na provincia.

Diego Vázquez Reino reclamou a Beatriz Mato que se manteñan e incrementen as colaboracións especificamente deseñadas para as pequenas e medianas empresas e para os traballadores dun sector altamente cualificado e que é clave para o desenvolvemento efectivo da economía do país. Así mesmo, se referiu á necesidade de incrementar os esforzos en materia de formación para establecer un calendario de accións específicas en distintas áreas e especialidades que permitan que o sector siga desenvolvéndose segundo os parámetros de calidade e eficiencia.

Pola súa banda, a conselleira de Traballo e Benestar refrendou o compromiso do Goberno autónomo tanto coa xeración de emprego como coa prevención de riscos laborais e a formación, entendida esta como un factor clave para a competitividade das empresas o os seus traballadores. Ademais, Mato se comprometeu a manter unha liña fluída de diálogo cos representantes empresariais do sector da construción na provincia da Coruña.